Rosa Blanca Rodríguez na mesa redonda “Testemuños empresariais femininos”

Rosa Blanca Rodríguez, administradora de Espina y Delfín, participou esta mañá na mesa redonda “Testemuños empresariais femininos”, organizada pola Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) con motivo do Día Internacional de Muller. Xunto a ela participaron María Caeiro, conselleira-delegada do Grupo Caeiro, María Pais, controller do Grupo Quatrium; María Vázquez, directora-xerente de Mercagalicia; Covadonga Toca, secretaria Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia; e Marta Lois, concelleira de Igualdade e Desenvolvemento Económico do Concello de Santiago.

Durante dúas horas analizaron o papel da muller no mundo empresarial e compartiron as súas experiencias, nun debate moderado polo secretario da Asociación, Ramón Lois, quen destacou a importancia do rol sucesorio das mulleres en moitas de empresas familiares.

Ese é o caso de Rosa Blanca Rodríguez, administradora solidaria, xunto ao seu irmán Oscar, de Espina y Delfín, Ao rematar os estudos universitarios de Empresariais, e dubidosa ante a posibilidade de cursar un máster, seu pais dálle un consello: “Non hai mellor máster que traballar na propia empresa”. Rosa Blanca comezou a traballar en Espina y Delfín en 1991, momento no que só había tres mulleres entre o centenar de traballadores: na limpeza, recepción e ela mesma. “Sempre vivín nun mundo de homes, pero tratáronme ben e estiven moi a gusto”, apuntou.

Actualmente, co crecemento da empresa o número de mulleres traballadoras ten aumentado, en áreas de administración, laboratorio ou enxeñaría, con 42 empregadas dun total de 320 traballadores. “A porcentaxe pasou dun 3% de mulleres a principios dos anos noventa a un 13% a día de hoxe”. Tamén na súa vida privada Rosa Blanca explicou que educa a súa filla e seu fillo en igualdade, o mesmo que se fai na empresa onde “non hai discriminación laboral en canto a xénero”.