14 Feb Concurso de debuxo “A mascota da auga”
Espina & Delfín e o Concello de Sanxenxo organizan o concurso de debuxo “A mascota da auga” para escoller unha mascota que se utilizará en todas as campañas de sensibilización sobre o consumo responsable de auga e o coidado do medio ambiente de Sanxenxo.
Esta iniciativa para concienciar sobre o coidado do medio ambiente está dirixida ao alumnado de Primaria dos colexios do municipio (CEIP A Florida, CEIP Portonovo, CEIP Nantes, CEIP Magaláns, CEIP Cruceiro, CEIP Telleiro e Colexio Abrente).
O prazo de presentación finalizará o próximo 29 de febreiro. Respecto a a forma de presentación, cada participante entregará un debuxo co formato DIN-A4. No reverso do folio indicarase o nome completo do participante, o curso e o nome do colexio no que estuda. Cada centro reunirá as súas propostas nun sobre que se entregará no departamento de Educación ou solicitará polo correo educacion@sanxenxo.org que persoal municipal vaia a recollelos.
Entre todos os debuxos recibidos, o xurado composto por técnicos municipais e persoal de Espiña e Delfín, escollerá o gañador que se dará a coñecer o 22 de marzo coincidindo co Día Mundial da auga. O debuxo seleccionado para ser a mascota da auga recibirá un vale de 100 euros e o colexio onde se atope o alumno ou alumna gañadora recibirá unha charla ou taller sobre o ciclo integral da auga. Ademais, haberá un premio para o colexio con maior porcentaxe de participación en función da súa matrícula de 150 euros. Válelos poderán trocarse nos establecementos comerciais de Sanxenxo adheridos a CCU Entretendas.