Espina & Delfín acolle a presentación do novo base do Monbus Obradoiro

Un ano máis, as instalacións de Espina & Delfín acolleron a presentación dunha das fichaxes para a nova tempada do Monbus Obradoiro. Rosa Blanca Rodríguez e Óscar Rodríguez, administradores solidarios de Espina e Delfín e membros do consello de administración do equipo, deron a benvida ao base Pol Figueras.

Óscar Rodríguez sinalou que “Pol vén de xogar no Bàsquet Xirona, ten 25 anos e cumprirá a súa segunda tempada consecutiva na ACB. Fichamos a un base con enerxía e ilusión, fundamental para un equipo como Monbus Obradoiro que se fundamenta no traballo. Somos un club humilde e cremos que con xente co espírito que ten Pol, conseguiremos os nosos obxectivos. É polivalente, ten potencial e moito baloncesto por ofrecer. Posúe unha grande ética de traballo e é un xogador en progresión”. Así mesmo remarcou que tras dez anos de colaboración “estamos encantados de seguir cooperando co club que representa os nosos valores”.

Pola súa banda, o xogador detallou as súas primeiras impresións: “Estou moi contento de estar aquí, neste club e nesta cidade. Moitos amigos e compañeiros do baloncesto déronme moi boas referencias e o mes que levo aquí comprobei o que me contaron. Estou encantado pola oportunidade de estar nunha entidade que ten estes valores e busca reproducilos na pista. Espero que sexa unha tempada moi ilusionante, que gocemos en Sar e tentarei dar o mellor de min para axudar ao equipo a dar a súa mellor versión. Trataremos de levar o nome do club a  altas cotas”.

O base explicou que as referencias que recibiu constatáronse no que se encontrou ao chegar á Santiago de Compostela: “É un club familiar, pequeno pero moi humano. Moncho preocúpase moito pola faceta humana do xogador, noteino co grupo que xa leva uns anos. Desde o primeiro día sentinme como se levase aquí catro ou cinco anos. Estou cómodo e a gusto. Espero que siga así”.

Figueras chega con ideas claras sobre o que quere aportar, “enerxía e ilusión”, destaca que unha das súas virtudes é entender o que lle piden os adestradores e espera adaptarse sen problemas ao que Moncho Fernández requira.