Os empregados de Espina & Delfín doan alimentos á asociación Paluso

Os empregados da sede central de Espina & Delfín, en Santiago de Compostela, organizaron unha recollida interna de alimentos de primeira necesidade para a asociación Paluso. A iniciativa xurdiu dos propios traballadores ao coñecer as carencias da entidade, que se viron agravadas pola crise da covid-19.

 

A doazón estaba composta por caixas de leite, aceite, legumes, pastas e produtos para o almorzo. “Estes alimentos repartiranse ao longo desta semana”, explicou a presidenta da entidade, Chus Iglesias. “Agradecemos a todos os empregados de Espina & Delfín esta entrega que é esencial para realizar os repartos diarios de comida”.

 

Dende fai 25 anos, esta asociación organiza unha cea de Noiteboa e un almorzo e unha comida de Nadal na Alameda para cerca de 300 persoas. Este ano aínda descoñece como as poderán realizar. “Aínda que non celebremos a festa como sempre, si repartiremos ás familias comida especial de Nadal”, afirma Chus Iglesias.

 

Nestes momentos, a entidade compostelá necesita alimentos para repartir a diario entre as 700 persoas que atende e tamén para ir gardando para a gran festa de Nadal. Ademais, precisa produtos de hixiene e infantís. As doazóns pódense entregar na súa sede, e na rúa Benéfica de Conxo, número 23.