28 Dec Espina & Delfín presenta un novo proxecto á segunda convocatoria do PERTE do ciclo urbano da auga
- O plan céntrase na dixitalización do ciclo da auga en Boqueixón, Burela, Curtis, A Illa de Arousa, Melide, Mesía, Ordes, Sanxenxo e Vilalba
- O orzamento ascende a 9,5 millóns de euros e comprende un total de 34 actuacións
A empresa galega Espina & Delfín presentou o seu novo proxecto de dixitalización do ciclo urbano da auga á segunda convocatoria de subvencións no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE). Comprende un total de 34 actuacións, cun orzamento de 9,5 millóns de euros.
Este proxecto busca dixitalizar e optimizar o ciclo integral da auga en nove municipios galegos (Boqueixón, Burela, Curtis, A Illa de Arousa, Melide, Mesía, Ordes, Sanxenxo e Vilalba), todos eles xestionados por Espina & Delfín e cunha poboación conxunta de 76.798 habitantes.
As 34 actuacións incluídas divídense en tres tipos. As primeiras enfócanse no estudo previo para coñecer en profundidade o ciclo da auga de cada municipio para despois poder despregar tecnoloxías como a intelixencia artificial e os xemelgos dixitais.
O seguinte grupo de accións céntrase na instalación de sensores e dispositivos intelixentes que proporcionen datos en tempo real sobre o consumo, a calidade e outros parámetros da auga.
O último grupo está dedicado ao desenvolvemento de plataformas e aplicacións e á ciberseguridade para recompilar e procesar grandes volumes de datos.
Con todas estas actuacións Espina & Delfín mellorará o estado das masas de auga, optimizará a distribución e diminuirá as perdas hídricas durante o seu transporte. Concretamente, este proxecto axudará a unha xestión máis eficiente e óptima da auga en cada municipio e proporcionará datos en tempo real sobre o consumo e a calidade da auga.
En outubro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO) outorgou a Espina & Delfín unha axuda de 7 millóns de euros para o seu proxecto de dixitalización do ciclo urbano da auga en Cartelle, Cerceda, Coirós, Leiro, Negreira, Palas de Rei, Sarria, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, presentado á primeira convocatoria do PERTE de dixitalización da auga.