13 Dec Espina & Delfín inviste 3,9 millóns de euros para dixitalizar o ciclo integral da auga de Vilagarcía de Arousa
Espina & Delfín e o Concello de Vilagarcía de Arousa presentaron esta mañá o plan de dixitalización do ciclo integral da auga do municipio, dotado cun orzamento de 3,9 millóns de euros.
O proxecto de Espina & Delfín para modernizar dixitalmente o ciclo integral da auga en nove concellos galegos (Cartelle, Cerceda, Coirós, Leiro, Negreira, Palas de Rei, Sarria, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa) conta cun investimento total de 10,4 millóns de euros. Desta cantidade, 7 millóns proveñen das axudas PERTE do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (MITECO), mentres que a empresa galega achega 3,4 millóns de euros dos seus fondos propios.
Vilagarcía de Arousa é o concello tractor deste proxecto cunha asignación de 3,9 millóns de euros -un 37,25 % do total do investimento- dos que Espina & Delfín financia 1,4 millóns de euros. O xefe de servizo de Vilagarcía de Arousa, David Pereira, foi o encargado de explicar as principais actuacións que levarán a cabo nos próximos meses.
Os contadores tradicionais substituiranse por 19.732 contadores intelixentes de telelectura, cun investimento de 2,7 millóns de euros. Estes novos contadores permitirán medir, rexistrar e transmitir automaticamente o consumo de auga en tempo real, facilitando unha xestión máis eficiente, sostible e precisa dos recursos hídricos.
Investiranse 430.273 euros na substitución de 23 bombas e a instalación de placas solares cunha capacidade de xeración de 152,48 kWp. Esta actuación contribuirá á eficiencia operativa e a redución da dependencia enerxética, promovendo un uso máis sostible dos recursos.
As demais medidas contempladas inclúen a sectorización da rede de abastecemento con 49 contadores intelixentes, a instalación de caudalímetros, paneis solares e tres analizadores de desinfección na estación de tratamento de auga potable (ETAP), a implementación de tres analizadores de calidade en puntos de captación, a instauración dunha plataforma de acceso público de información e dunha plataforma xeoespacial cun sistema de información xeográfica (SIG), a mellora da ciberseguridade, a activación de catro caudalímetros en puntos de captación e doutros tres en puntos de vertedura, a modelización da rede para crear un xemelgo dixital, a utilización de Intelixencia Artificial no control da explotación e calidade da auga, a posta en marcha dunha aplicación informática de xestión dos abonados, o control dos procesos da ETAP mediante Scada e o plan director.
Estado actual e próximo pasos
Actualmente, xa se iniciaron os traballos de recompilación de datos de inventario do abastecemento para a creación do sistema de información xeográfica (SIG) e a modelización da rede. Tamén se están instalando telecontadores de proba e placas solares, aplicáronse os protocolos de ciberseguridade nas instalacións do concello e empezáronse os traballos previos para a realización do plan director.
Proximamente, Espina & Delfín procederá á instalación dos paneis solares e caudalímetros de sectorización. Prevese executar a maior parte das actuacións no primeiro semestre de 2025, mentres que as restantes levarán a cabo ao longo do mesmo ano.
O alcalde do municipio, Alberto Varela, resaltou o traballo da empresa galega: “Espina & Delfín está a facer os seus deberes e con nota. É moi difícil conseguir financiamento europeo e hai que poñer en valor o bo traballo que están a realizar. Tamén queremos agradecer que se acordasen de Vilagarcía de Arousa para ser en municipio tractor deste proxecto”.
Ao acto de presentación tamén asistiron os conselleiros delegados de Espina & Delfín, Rosa Branca Rodríguez e Óscar Rodríguez; o director xeral, Alejandro Amoedo; o director de servizos, Juan Somoza, e o responsable de dixitalización e IT, Iago Isasi.