30 Abr Espina & Delfín triplica o espectro de análises acreditadas do seu laboratorio
- Amplía o alcance da acreditación UNE-EN-ISO 17025 coa inclusión de 75 novos parámetros
- Esta norma avala as analíticas realizadas na empresa compostelá a nivel internacional
O laboratorio de análise química e microbiológico de Espina & Delfín, en Santiago de Compostela, amplía o alcance da acreditación UNE-EN-ISO 17025 coa inclusión de 75 novos parámetros en distintas áreas ambientais. Isto supón un incremento do 208 % grazas á incorporación de novos equipos de última xeración nas analíticas de control diarias.
Esta norma avala as analíticas realizadas no laboratorio da empresa compostelá a nivel internacional. A nova ampliación do número de parámetros que poden ser controlados baixo a acreditación mellora as garantías de Espina & Delfín en todo o relativo á calidade das augas de consumo de todos os servizos municipais e concellos colaboradores.
A acreditación tamén axuda á consecución dos obxectivos fixados pola Directiva Marco Europea da auga (DMA), norma da Unión Europea pola que se establece un marco de actuación comunitario no ámbito da política de augas.
Os novos parámetros que acreditou Espina & Delfín son, na súa gran maioría, relacionados coa área física-química das augas de consumo humano, para dar cumprimento ao novo Real Decreto 3/2023, do 10 de xaneiro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, o seu control e subministración.
Entre os novos parámetros destacan ata 35 praguicidas, benceno, clorato, clorito, bromato, arsénico, uranio ou benzo(a)pireno. Na área de microbioloxía acreditouse o reconto de enterococos intestinais por un método que permite procesar as mostras en poucos minutos e ter os resultados confirmados dispoñibles en 24 horas.
Así, o laboratorio de Espina & Delfín convértese nun dos líderes en análises de augas de consumo en Galicia e, con esta acreditación, sitúase no mercado nacional como laboratorio de referencia para o sector do ciclo integral da auga.