O servizo de abastecemento de Curtis obtén a certificación que garante a inocuidade da auga subministrada

– As ETAP de A Ratona e de Teixeiro conseguen a certificación da norma ISO 22000:2018 que avala que todo o proceso de potabilización de auga se realiza de forma controlada e segura

– TÜV Rheinland entrega os certificados para cada planta potabilizadora a Espina & Delfín e ao Concello de Curtis

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e a conselleira delegada de Espina & Delfín, Rosa Blanca Rodríguez, recolleron esta mañá os certificados da norma ISO 22000:2018 para o servizo de abastecemento, concretamente para a ETAP da Ratona e a ETAP de Teixeiro. A responsable técnica de sustentabilidade de TÜV Rheinland, Almudena Bouza, foi a encargada de facer a entrega nun acto celebrado esta mañá na sala de plenos de Concello de Curtis.

A norma ISO 22000:2018 é un estándar mundial de referencia no ámbito da seguridade alimentaria. Espina & Delfín implantouno en Curtis para aportar garantías de calidade na auga subministrada á poboación.

Para cumprir cos requisitos desta certificación realizáronse numerosas actuacións municipais. Nas captacións instaláronse medidores que detecta a presenza de contaminantes procedentes de xurros no río. Tamén se instalaron na saída dos depósitos e nas estacións de tratamento de auga potable medidores dos principais parámetros a controlar, como o cloro, o pH e a turbidez. Estes medidores transmiten a información cada cinco minutos e documentan a evolución dos parámetros en tempo real ao longo de todo o día. No caso de detectar algunha incidencia paralízase de forma inmediata a entrada de auga nas instalacións e emítense alertas aos dispositivos móbiles dos operarios do servizo.

Ademais, instaláronse sistemas de antiintrusión que inclúen cámaras de seguridade para prever actos de vandalismo ou sabotaxe e campañas preventivas de control de pragas. Todas as instalacións do servizo se controlan permanentemente a través de telexestión e automatización, o que permite actuacións a distancia as 24 horas dos 365 días do ano.

O Concello de Curtis tamén executou varias obras co obxectivo de mellorar a calidade das augas. Unha delas é a ampliación e mellora da ETAP da Ratona por valor de 292.443 €, provenientes de fondos municipais. Os traballos centráronse na implantación dunha nova liña de tratamento cun novo tanque de oxidación, novos equipos de preparación de reactivos, unha bomba de impulsión de auga de lavado, unha nova etapa de afino mediante a instalación de novos filtros de arxila e un novo edificio de reactivos.