11 Nov A campaña do Concello de Ames e Espina & Delfín para promover a factura electrónica consegue incrementar o seu uso un 40 %
A campaña conxunta do Concello de Ames e Espina & Delfín, empresa xestora do ciclo da auga, para promover a facturación sen papel no servizo municipal de abastecemento e saneamento foi un éxito. O incremento dos usuarios subscritos ao recibo electrónico foi dun 40 %.
Ao comezo desta campaña, dos 17.643 abonados do servizo de augas de Ames só 896 eran usuarios da factura electrónica. Agora, 1.255 persoas xa non reciben nos seus fogares e negocios trimestralmente, dentro do correspondente sobre, a súa folla de gasto.
Esta campaña creouse co obxectivo de concienciar a todos os habitantes do municipio dos beneficios para o medio ambiente asociados aos sistemas de recibo dixital.
Concretamente, no Concello de Ames, as facturas en papel para 17.643 abonados implicaban, aproximadamente, un consumo anual de 787 kilos de papel, un volume en cuxa produción, grosso modo, consúmense 255.000 litros de auga, emítense 2,36 toneladas de dióxido de carbono e tálanse 13 árbores.
O paso á facturación dixital pode tramitarse de maneira sinxela accedendo á páxina web clientes.espinaydelfin.com e aportando aí unha serie de datos que figuran no último recibo en papel emitido. Unha vez que o usuario se dá de alta no sistema recibe unha clave e deixa de gastar papel. Pode entón empezar a consultar a través de Internet os seus consumos históricos e facturas, así como formular reclamacións ou suxestión e facer preguntas, todo sen necesidade de persoarse en ningunha oficina de atención.