A unión temporal de empresas (UTE) formada por Espiña e Delfín e Cuartazona Enxeñería gañou a adxudicación do servizo para dixitalizar as redes de abastecemento en alta de concellos galegos de menos de 20.000 habitantes preseleccionados pola Xunta. Estes traballos, adxudicados por Augas de Galicia por un valor de 5,3 millóns de euros e cofinanciados con fondos europeos Next Generation, forman parte da primeira fase do novo proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) de Dixitalización do Ciclo da auga.
En Santa Comba, Augas de Galicia financiará con 135.374 euros as actuacións de dixitalización das instalacións que levará a cabo Espiña & Delfín. Estas accións consisten na instalación de contadores, sistemas de medición do nivel de depósitos e analizadores de cloro, pH e turbidez, así como control do consumo eléctrico das bombas. Os traballos facilitarán unha actuación máis rápida en caso de avaría ou incidencia.
Por outra banda, Espiña & Delfín mantivo a primeira reunión co Concello de Salvaterra de Miño para dar a coñecer as actuacións específicas de dixitalización dos sistemas de abastecemento e de saneamento. O total de obras a realizar en Salvaterra están valoradas en máis de 40.000 euros.
A finalidade deste proxecto é colaborar cos concellos para a adopción de ferramentas que permitan a xestión e operación en remoto e en tempo real dos sistemas de abastecemento en alta, a través da implantación e posta en marcha dunha serie de estacións dixitais de monitorización, alén de proporcionar a Augas de Galicia un sistema de información que lle permita recompilar, visualizar e compartir información relativa ao funcionamento dos sistemas monitorizados, como medio de supervisión e control do uso do recurso.