Congalsa adxudica a Espiña & Delfín o deseño, a construción e a posta en marcha da súa nova depuradora de augas industriais (EDARI). A infraestrutura terá unha capacidade para tratar nun futuro ata 1.000 metros cúbicos de auga ao día e optimizará o tratamento das augas residuais do complexo de Congalsa na Pobra do Caramiñal. O obxectivo do proxecto é dispoñer dunha instalación fiable, escalable e operable, minimizando interferencias coa actividade produtiva e priorizando a seguridade durante a execución e a posta en marcha.
Con esta nova EDARI, Congalsa reforza a súa folla de roteiro de sustentabilidade industrial, avanzando nunha xestión da auga máis eficiente e robusta. En paralelo, a compañía continúa desenvolvendo os plans de ampliación do seu complexo para acompañar o crecemento da actividade.
En palabras do presidente de Congalsa, Luis Miguel Simarro, “con esta nova depuradora reforzamos o noso compromiso coa sustentabilidade. Optimizará o tratamento de augas residuais, de forma aliñada co incremento da capacidade produtiva dos últimos anos e favorecendo procesos máis eficientes e respectuosos co medio ambiente. Avanzamos así nun modelo de crecemento industrial responsable”.
Pola súa banda, Espiña & Delfín é líder do sector en captación, tratamento, potabilización e depuración de augas residuais industriais. A empresa compostelá ofrece solucións a medida para o tratamento de augas para todo tipo de industrias e conta co seu propio departamento de enxeñería. Óscar Rodríguez, administrador solidario de Espiña & Delfín: “Para nós é un orgullo colaborar con Congalsa nun proxecto industrial de referencia en Galicia. O noso equipo conta cunha ampla experiencia no deseño, construción e xestión de depuradoras industriais en diferentes sectores, desde industria láctea, cárnica, do metal e conserveira, entre outras. Imos envorcar toda a nosa experiencia para entregar unha depuradora robusta e operable, cunha posta en marcha segura e unha integración que minimice calquera interferencia na actividade produtiva”.