27 Xul Espina & Delfín fomenta o consumo responsable de auga
A campaña «Está na túa man, pecha a billa cando toca» ten como obxectivo concienciar aos veciños e anticiparse ás situacións de sequía
Colaboran os concellos de Allariz, Carnota, Gondomar, Lalín, Melide, Muros, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa
Espina & Delfín e os concellos de Allariz, Carnota, Gondomar, Lalín, Melide, Muros, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa fomentan o consumo responsable de auga coa campaña “Está na túa man, pecha a billa cando toca”. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca da época estival.
Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e en redes sociais.
A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para os meses de xullo e agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable.
Actualmente, a capacidade dos embalses da comunidade aínda presenta boas porcentaxes, pero o descenso é continuo. Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil a reserva hídrica atópase nun 58 % en Galicia-Costa nun 76,5 %.
Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Tamén hai que ter precaución con actividades típicas deste época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.