Espina & Delfín doa 800 litros de leite ao Banco de Alimentos de Santiago

Espina & Delfín doou ao Banco de Alimentos Rías Altas (Balrial) de Santiago 800 litros de leite. Adquiridos a Feiraco, con sede en Ames (A Coruña), os tetrabriks serán entregados á oenegué o próximo martes e o seu reparto comezará de inmediato.

Espina & Delfín e os seus empregados colaboran habitualmente nas campañas de Nadal de recollida de alimentos que promove Balrial. Este ano volverá a facelo, se ben a empresa decidiu tamén reforzar o seu compromiso coa entidade social ante o desabastecemento de leite que esta padecía actualmente.

A administradora solidaria de Espina & Delfín, Rosa Blanca Rodríguez, e a presidenta da oenegué, Concepción Rey, referíronse hoxe a esta doazón. “Somo unha empresa enraizada no noso entorno e cunha asentada cultura de inversión socialmente responsable. Para nós constitúe unha satisfacción poder contribuír na medida das nosas posibilidades á excelente labor que dende fai anos ven desenvolvendo Balrial”, destacou Rodríguez.

Rey, pola súa parte, dixo: “Agradecemos profundamente a colaboración de Espina & Delfín. É moi importante que esteades sempre aí para nós. Necesitamos que máis empresas sigan o voso camiño. Cun pouquiño que aportase cada unha, para nós sería moito”. “Subsistimos – aclarou – unicamente grazas aos nosos colaboradores”.

Domiciliado en Santiago, Espina & Delfín é o principal grupo galego que se ocupa do ciclo integral da auga, sector no que deseña, constrúe e xestiona infraestruturas e servizos de abastecemento e saneamento. Medio centenar de concellos de Galicia, nos que residen normalmente 550.000 persoas, confían en Espina & Delfín. A empresa tamén executa obra civil e opera en Portugal, Angola e Colombia.