06 Mai Espina & Delfín aproba o novo plan de igualdade e o protocolo contra o acoso sexual
- A empresa compostelá anuncia a publicación e entrada en vigor dunha serie de medidas para garantir o principio de igualdade entre homes e mulleres
- As persoas que traballan en Espina & Delfín xa poden acceder aos documentos íntegros dende a oficina virtual da compañía
No marco do seu compromiso co principio de igualdade entre homes e mulleres, Espina & Delfín anunciou a aprobación, publicación e entrada en vigor do seu segundo plan de igualdade e o seu novo protocolo de actuación contra o acoso sexual e laboral por motivos de xénero.
O plan que firmou a dirección da empresa cos representantes do cadro de persoal garante a igualdade de trato e oportunidades de mulleres e homes no acceso, selección, contratación, promoción, formación, conciliación, saúde laboral e nas medidas contra a violencia de xénero e o acoso sexual ou por razóns de xénero.
Outro dos obxectivos é o fomento da comunicación e sensibilización en igualdade, ademais da aplicación da perspectiva de xénero a todas as áreas, políticas e decisións da empresa. Tamén se garante a non discriminación salarial por razón de sexo e o avance na corresponsabilidade de tarefas entre homes e mulleres.
Espina & Delfín completa este novo plan de igualdade coa incorporación do protocolo de actuación contra o acoso sexual e laboral por motivos de xénero. Este documento establece un método de prevención e rápida solución das denuncias por acoso sexual e laboral por razón de xénero, coas debidas garantías. Unha comisión de igualdade independente velará pola súa aplicación e estrito cumprimento.
Todas as persoas que traballan en Espina & Delfín xa poden consultar os documentos integramente a través da oficina virtual da empresa. A canle de denuncias tamén está operativa e é estritamente confidencial.