Como evitar problemas nos contadores e tubaxes das vivendas ante a baixada de temperaturas?

As baixas temperaturas e as xeadas causan problemas nas nosas casas, principalmente, nas vivendas unifamiliares ou adosadas e nas naves industriais. Por este motivo, Espinta & Delfín recomenda protexer as instalacións exteriores con materiais illantes. O papel dos xornais, a tea de saco ou a fibra de vidro son boas opcións para envolver o contador e que o xeo non se adhira directamente ao mesmo ou ás tubaxes.

 

Se a xeada é prolongada pódese deixar correr un pequeno fío de auga durante a noite para evitar que a auga se conxele nas tubaxes. Nas vivendas que están deshabitadas é aconsellable pechar a chave de paso e despois baleirar as tubaxes deixando correr a auga uns instantes para que non quede no interior.

 

Unha vez pasados os días con baixas temperaturas, Espina & Delfín aconsella revisar as instalacións interiores para comprobar que non hai fugas. Se se observa unha fuga de auga é recomendable realizar as reparacións tan pronto como sexa posible para evitar danos materiais e un consumo innecesario de auga.