20 Set Espina & Delfín e a Universidade da Coruña (UDC) asinan un convenio para impulsar a formación dos alumnos do Máster en Xestión Sostible da Auga
- Convocan dúas bolsas para estudantes a tempo completo e o ‘Premio Delfín’ ao mellor traballo de fin de máster
Espina & Delfín, representada polo seu director xeral, Alejandro Amoedo, e a Universidade da Coruña, representada por Isabel Martínez, directora da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos, asinaron un convenio de colaboración para que os estudantes do Máster Universitario en Xestión Sostible da Auga opten a dúas bolsas e ao “Premio Delfín” ao mellor Traballo Fin de Máster.
As axudas Espina & Delfín están dirixidas a estudantes matriculados no máster a tempo completo no curso académico 2023/2024 e cubrirán o 100 % do importe da matrícula. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto desde o día 1 ao 31 de outubro de 2023 ás 14:00. Os candidatos seleccionados comunicaranse o 1 de decembro.
Convócase tamén o “Premio Delfín”
Este premio está dirixido ao mellor traballo de fin de máster no ámbito da “optimización da explotación de redes de abastecemento e saneamento”. O obxectivo é concienciar aos estudantes do máster sobre a importancia da xestión eficiente da auga e premiar a aquel traballo que se centre nas medidas de aforro, dixitalización e mellora da calidade da auga.
Poderán optar a el aqueles alumnos e alumnas que obtivesen a cualificación de sobresaínte ou matrícula de honra. O premio está valorado en 2.000 euros e concederase un diploma acreditativo ao mellor TFM presentado.
Catro anos de colaboración
Este acordo de colaboración entre as entidades terá unha duración de catro anos durante os que comprometen a fomentar o intercambio de experiencias e persoal nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral, dentro das áreas nas que ambas teñan interese manifesto.
Co fin de satisfacer os seus obxectivos, as modalidades de colaboración inclúen diversos aspectos entre os que destacan a oferta por parte de Espina & Delfín de cinco prazas para realizar prácticas nalgúns dos seus case cincuenta servizos municipais de augas repartidas por toda Galicia; o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividade de ambas entidades; a participación en proxectos e programas de I+D, a transferencia de coñecementos ou a cooperación en programas de formación de persoal asistencial, investigador ou técnico.
Espina & Delfín é o principal grupo galego no ámbito da xestión do ciclo integral da auga, sector no que presta asistencia técnica, deseña, constrúe e mantén infraestruturas diversas; á vez que xestiona servizos de abastecemento, saneamento e depuración. A empresa tamén executa proxectos de obra civil e obra hidráulica e opera en España, Portugal, Angola, Senegal, Colombia e Haití.