Con temperaturas cada vez máis altas e precipitacións máis escasas, a xestión responsable da auga convértese nun reto urxente. Por iso, lanzamos a campaña “A auga é vida. Aprovéitaa”, unha iniciativa que busca concienciar sobre a importancia da preservación dos recursos naturais e promover o consumo responsable da auga potable.
O impacto do cambio climático xa é evidente: ríos con caudais ecolóxicos en retroceso, reservas hídricas en mínimos durante os meses máis secos e unha maior presión sobre os sistemas de abastecemento. Neste contexto, cada xesto diario conta. E moito.
A campaña, que se desenvolve en diversos concellos nos que xestionamos o servizo municipal de abastecemento de auga, como Sanxenxo, Brión, Padrón, Vilanova de Arousa, Allariz, Sarria, Melide, Vila de Cruces, Palas de Rei, Negreira, Carnota, Muros, Coirós, Vilagarcía de Arousa, Leiro, Cerceda, Cartelle e Illa de Arousa, pon o foco na educación cidadá e na responsabilidade colectiva.
A través desta campaña, lembramos que a auga é un recurso finito e que pequenas accións na casa poden ter un gran impacto, como pechar a billa no momento de enxaboar os pratos, non tirar lixo polo inodoro nin aceite polo vertedoiro, ducharse en vez de bañarse ou utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.
Recoméndase tamén moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar xardíns. Ademais, aconséllase pechar a chave de paso de auga da vivenda en caso de ausencia prolongadas, como nas vacacións de verán.
