Espina & Delfín imponse ás maiores multinacionais do sector e constrúe para Inleit unha innovadora depuradora industrial de augas

Despois dunha dura competencia coas maiores multinacionais do sector, Espina & Delfín adxudicouse a construción e explotación da depuradora de augas residuais (EDARI) da planta láctea que Inleit promove en Teixeiro (Curtis, A Coruña), a maior do sector en Galicia e das maiores en España. Seguindo un deseño innovador para satisfacer altos estándares ambientais, o importe total do contrato ascende a 11 millóns de euros.

A EDARI de Inleit xa está en construción, polo que se estima que este verán encontrarase en condicións de operar. Foi proxectada para alcanzar un nivel de eficiencia superior ao normal, de aí a moderna dotación de equipos para o proceso de depuración. Ademais do deseño e construción da EDARI, presupostados en cinco millóns de euros, Inleit encomendou a Espina & Delfín, por seis millóns máis, o mantemento e explotación da infraestrutura durante dez anos.

O enxeñeiro Óscar Rodríguez, administrador solidario de Espina & Delfín, declarou a súa satisfacción por ser elixidos por Inleit. “Esta empresa promove unha planta láctea novidosa, que incorpora procesos moi modernos. Isto obrigounos a ofertar un deseño de EDARI de alto nivel. Ademais, quedamos vinculados por dez anos na xestión da depuradora, o que pon de manifesto a confianza que Inleit ten en nós e o nivel de esixencia co que temos que corresponder”.

DCIM100MEDIADJI_0018.JPG

Espina & Delfín é o principal grupo galego que se ocupa do ciclo integral da auga, sector no que deseña, constrúe e xestiona infraestruturas e servizos de abastecemento e saneamento, incluso en alta. Medio centenar de concellos de Galicia, nos que residen normalmente 550.000 persoas, confían en Espina & Delfín. A empresa tamén opera en Portugal, Angola e Colombia. É así mesmo moi solvente en depuradoras industriais, área na que se executaron decenas de proxectos.