Espina & Delfín afianza a súa internacionalización ao adxudicarse outro contrato en Colombia

  • O Goberno de Iván Duque contrata por 26 millóns a un consorcio do que forma parte a empresa galega o mantemento, conservación, administración, vixilancia, sinalización, control de tráfico e operación de dous corredores ferroviarios
  • O negocio exterior xa representa un 28 % do total da compañía con sede en Santiago

 

A Axencia Nacional de Infraestrutura (ANI) de Colombia adxudicou ao consorcio Ibines o mantemento, conservación, administración, vixilancia, sinalización, control de tráfico e operación de dous corredores ferroviarios: o Bogotá-Belencito (308 quilómetros) e o La Dorada-Chiriguaná (558). Desa alianza de empresas forma parte a galega Espina & Delfín (10 %), xunto con Empresa Construtora Sucursal Colombia (40 %), Infraestrutura Nacional Ltda. (25 %) e Ingeral Compañía S.A.S (25 %). A compañía con sede social en Santiago de Compostela afianza desta maneira o seu proceso de internacionalización.

O contrato ten unha duración de 12 meses e suporá unha inversión de 13,6 millóns de dólares no tramo Bogotá-Belencito e de 15,69 no treito La Dorada-Chiriguaná, o que totaliza uns 26,15 millóns de euros ao cambio actual. O acordo de Goberno de Iván Duque con Ibines concrétase tras un proceso de licitación iniciado o pasado 6 de marzo, no cal participaron catro consorcios integrados por firmas de orixe español, portugués, chino e colombiano.

“Con esta adxudicación mostramos o interese e o propósito do Goberno Nacional por seguir construíndo infraestrutura ao servizo das rexións e a competitividade do país. A folla de ruta marcada no Plan Nacional de Desenvolvemento continúa avanzando no propósito de entregar unha infraestrutura moderna, que impulse o desenvolvemento do país e mellore a calidade de vida dos colombianos”, afirmou Louis Kleyn, presidente da ANI.

Pola súa parte, o enxeñeiro Óscar Rodríguez, administrador solidario de Espina & Delfín, sinalou: “Este contrato referenda a confianza que Colombia ten en nós e nos nosos socios estratéxicos. Satisfainos implicarnos na operación de dúas infraestruturas importantes. Actualmente, o Bogotá-Belencito ten unha capacidade anual de 3 millóns de toneladas de mercancías, que ascenden a 5 no outro caso. Ambos consolidaron operacións comerciais con empresas como Argos, Diaco, Postobón e Ternium, e agora espérase potenciar novas operacións con máis xeradores de carga”.

Este contrato ven a afianzar a internacionalización da empresa galega, que amén de en Colombia e en España, desenvolve a súa actividade en Angola e Portugal. Non en vano, o negocio exterior xa representa un 28 % do total da compañía.

No ámbito doméstico, Espina & Delfín é o principal grupo galego que se ocupa do ciclo integral da auga, sector no que deseña, constrúe e xestiona infraestrutura e servizos de abastecemento e saneamento, incluso en alta. Medio centenar de concellos de Galicia, nos que residen normalmente 550.000 persoas, confían en Espina & Delfín.